Claves do éxito da Candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade
Desde que se deseñou a iniciativa de promover unha Candidatura que apoiase ás Illas Cíes como ben natural Patrimonio da Humanidade e de maneira particular nos primeiros anos de andaina, o esforzo, a determinación, o tesón e un traballo ben organizado e decidido fixeron posible o punto no que se encontra o proceso na actualidade. Froito todo do auténtico convencemento de que as Illas Cíes supoñen un ben dun valor universal natural tal, que as fai merecedoras, sen lugar á dúbidas, de este recoñecemento internacional.
Somos conscientes do longo e duro camiño que resta ata acadar o éxito da nosa proposta, pero no equipo de candidatura temos o sólido compromiso de traballar ao unísono para acadar ese obxectivo. As claves do éxito da candidatura son:
Contamos cunha estrutura conformada por 3 Comités: Científico, Económico e Técnico.
Apostamos polos criterios naturais clave do éxito, que argumentan o Valor Universal Excepcional das Illas Cíes.
Xustificación rotunda do estado de conservación dos atributos naturais que acreditan o cumprimento dos criterios.
Estudo de novas figuras de protección que aportan valor engadido á candidatura.
Implicación e participación social.
Contamos cun apoio de axentes económicos, sociais e académicos, masa crítica a favor da candidatura.