As Illas Cíes son recoñecidas como un espazo de gran beleza natural e riqueza en biodiversidade, que reúne uns valores medioambientais excepcionais de tal magnitude, que as converte en xoia enclave das Illas Atlánticas de Galicia.
O arquipélago das Illas Cíes atópase situado nas Rías Baixas (Comunidade Autónoma de Galicia). Concretamente, atópanse na cara externa da Ría de Vigo, a máis meridional das Rías Baixas, na provincia de Pontevedra.
O arquipélago, pertencente ao termo municipal de Vigo, queda conformado por tres illas: a Illa de Monteagudo ou Illa Norte (179,5 ha), Illa Do Faro ou Illa do Medio (106,6 ha) e Illa de San Martiño ou Illa Sur (154,5 ha). Contan, ademais, con outros illotes como o de Penela dos Viños, Ruzo, Grabelos e Agoeiro.
En total, as Illas Cíes suman unha superficie de 3.091 hectáreas, das cales 433 son terrestres e 2.658 son mariñas. Distan aproximadamente 14,5 km da cidade de Vigo e teñen unha lonxitude de 7,1 km, abarcando unha anchura de 2 km.
As Illas de Monteagudo e do Faro atópanse unidas por unha importante barreira areosa que conforma o sistema praia-albufeira de Rodas, de 1.200 metros de lonxitude.
O arquipélago das Illas Cíes, destaca pola súa gran riqueza e alto valor natural, ecolóxico e ambiental, presentando unha extraordinaria biodiversidade, con ampla variedade de ecosistemas, entre os que destacan acantilados, praias e sistemas dunares, matogueiras e a gran riqueza de hábitats mariños que albergan os seus fondos (de rochas, de area, de cuncha...).
Á par do seu valor natural, constitúense ademais como un territorio de gran valor patrimonial e cultural, que fan destas illas lugares que albergan lendas, mitos, tradicións e unha singular riqueza histórica.
Á súa vez, todas estas características dotan ao arquipélago dunha extraordinaria beleza paisaxística polo que resulta un lugar moi atractivo para o desenvolvemento de actividades de turismo e ocio. Non obstante, prima a responsabilidade de protexer este espazo natural, representativo de procesos biolóxicos e ecolóxicos e de tal excepcional valor ambiental. Polo tanto, é crucial atopar un punto de encontro, de equilibrio, entre o uso responsable dos espazos naturais e o seu grao de conservación.
Neste contexto de poñer en valor este ben natural, así como de promover e asegurar o seu estado de conservación ambiental, articúlase a Candidatura das Illas Cíes Patrimonio Mundial UNESCO, promovida polo Concello de Vigo. A candidatura trabállase desde un dobre enfoque: por unha parte, como unha oportunidade para a difusión dos valores ambientais e patrimoniais da contorna e, por outra parte, como ferramenta que permita potenciar e mellorar o deseño e aplicación de instrumentos de xestión para a protección e conservación dos recursos, de gran valor e riqueza ambiental e biolóxica.