Fondos de area
Este tipo de fondos predomina na fachada Este do arquipélago, onde a vexetación é escasa debido á inestabilidade do substrato. Poden atoparse algunhas especies de algas adheridas a restos de cunchas e pequenas pedras. A pesar da súa aparente ausencia de vida, os fondos de area das Cíes, conteñen unha gran abundancia de especies, principalmente bivalvos, poliquetos (“vermes”) e pequenos crustáceos que viven soterrados no sedimento, moitos deles de interese comercial, como vieiras (Pecten maximus), berberechos (Cerastoderma edule), navallas (Ensis spp) ou ameixas (Venerupis corrugata).
É posible atopar sepias (Sepia officinalis) e algún ermitán. Pero tamén numerosos peixes planos como o rodaballo (Psetta maxima) ou as raias (Raja undulata).